¿Queres recibir novas da AFA?
ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE FAMILIAS DE ALUMNADO
DO CEIP LUíS SEOANE
CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1. Denominación e natureza
Coa denominación de “ASOCIACIÓN DE FAMILIAS DE ALUMNADO DO CEIP LUíS SEOANE”, constitúese unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, ao amparo da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e de acordo co artigo 22 da Constitución e o artigo 5 da Lei Orgánica 8/1985, de 3 de xullo, reguladora do dereito de educación e demais lexislación aplicable.
Art. 2 Personalidade e capacidade
A asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.
Artigo 3. Domicilio
A asociación establece o seu domicilio social na rúa Av. Morro de Canide, 1, 15178. Oleiros, O teléfono, correo electrónico e páxina web serán os que en cada momento acorde a xunta directiva para efectos de comunicación.
Artigo 4. Ámbito de actuación
O ámbito territorial no que a asociación vai desenvolver principalmente as súas actividades é o concello de Oleiros, sen prexuízo de actuacións puntuais noutros ámbitos.
Artigo 5. Duración
A asociación constitúese por tempo indefinido e rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
Artigo 6. Fins
1. Son fins principais da asociación:
Representar e defender os intereses das nais, pais e titores legais do alumnado do CEIP Luís Seoane.
Colaborar coa dirección e cos órganos de goberno do centro na mellora da calidade educativa.
Fomentar a participación das familias na vida escolar e comunitaria.
Promover actividades educativas, culturais, deportivas e de convivencia dirixidas ao alumnado e ás súas familias.
Contribuír á formación integral do alumnado en colaboración coa Dirección do centro e o profesorado.
Facilitar a representación dos pais do alumnado no Consello Escolar do centro.
Fomentar as relacións de cooperación do centro con outros establecementos escolares, asociacións, sectores sociais e culturais da contorna.
Colaborar na dotación dos medios necesarios, non achegados pola administración educativa, que permitan unha mellor calidade no servizo educativo, na calidade do ensino e no mantemento dos mesmos.
Garantir un tempo de conciliación suficiente para as familias e uns prezos reducidos, mantendo un principio de igualdade para todo o alumnado.
2. Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:
Actividades extraescolares e complementarias.
Charlas, obradoiros e xornadas formativas para familias e alumnado.
Actividades culturais, festivas e deportivas.
Colaboración con outras ANPA, asociacións e entidades públicas ou privadas.
Cando a administración publica non o realice, xestionarase o servizo de comedor e os tempos de recreo entre o horario escolar e as actividades extraescolares para facilitar a conciliación laboral e familiar, asegurando unha alimentación equilibrada e controlando a calidade do servizo.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
3. Para a realización das actividades que lle son propias, a Asociación utilizará principalmente os locais do centro, para o que a Dirección facilitará a integración destas actividades na vida escolar, tendo en conta o normal desenvolvemento da mesma.
Para a utilización dos locais do centro será necesaria a comunicación previa da Xunta Directiva da Asociación á Dirección do centro.
Cando se requira o uso de instalacións pertencentes ao goberno local, a Asociación solicitará os recursos necesarios á concellería correspondente.
4. Para o mellor cumprimento dos fins esta Asociación intégrase na Federación Provincial de ANPAS de A Coruña.
CAPÍTULO II
DAS PERSOAS ASOCIADAS
Artigo 7. Requisitos
Para adquirir a condición de persoa asociada requírese ser nai, pai ou titor/a legal de alumnado matriculado no CEIP Luís Seoane e aceptar os presentes estatutos.
A condición de persoa asociada adquirirase unha vez cuberta a ficha de inscrición na Asociación facilitada pola Xunta Directiva e aboada a cota correspondente, que terá carácter anual e será por unidade familiar.
Poderán colaborar coa Asociación aquelas outras persoas ou entidades, pertenzan ou non ao Centro, que persigan fins análogos.
Artigo 8. Perda da condición de persoa asociada
1. A condición de persoa asociada pérdese:
Por vontade propia, que se fará efectiva mediante presentación de renuncia, por escrito ante a asociación. A renuncia terá efectos desde a data da súa presentación.
Por baixa dos fillos ou fillas matriculados/as no centro.
Falta inxustificada de pagamento das cotas anuais da asociación, dos servizos ofrecidos pola asociación (actividades extraescolares, comedor, etc.), das derramas e demais achegas establecidas pola Asemblea Xeral. Será efectiva desde a notificación do acordo adoptado pola xunta directiva, a persoa interesada.
A persoa que perdese a súa condición de asociada polo suposto sinalado no apartado anterior, poderá ser rehabilitada na súa condición de asociada, se abonase as cotas pendentes de pago e o aproba a Xunta Directiva.
Por incumprimento dos presentes estatutos, normativas propias ou dos acordos validamente adoptados polos órganos da asociación, así como pola realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación.
Pola utilización da Asociación con fins alleos aos específicos desta.
Para excluír a calquera persoa asociada polas causas recollidas nos apartados d) e e) do presente artigo, a Xunta Directiva deberá incoar un expediente no que se farán constar os feitos que orixinan a proposta de expulsión.
Así mesmo, deberase oír á persoa expedientada, que poderá presentar un prego de descargo alegando canto considere conveniente para a súa defensa, o cal se incorporará ao expediente.
A Xunta Directiva estudará o expediente e formulará a proposta de resolución que considere oportuna. No caso de optar pola expulsión, a proposta será elevada á seguinte Asemblea Xeral, que, logo de escoitar á Xunta Directiva e á persoa asociada, se esta o solicita, adoptará a decisión definitiva, que será inapelable.
Artigo 9. Dereitos
1. As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:
Participar e beneficiarse das actividades e servizos que organice a Asociación, de acordo coas normas que se establezan.
Ser informado/a sobre a marcha da Asociación.
Asistir con voz e voto ás reunións da Asemblea Xeral.
Ser elector/a e elixible para os órganos de goberno da Asociación e para os órganos de control e xestión do Centro, cando os houbese.
Solicitar aos órganos de goberno da Asociación o exercicio das accións que se consideren necesarias para defender os intereses das persoas asociadas.
Expoñer queixas e suxestións, por escrito, á Xunta Directiva, en relación co cumprimento dos fins da Asociación.
Acceder á documentación da asociación a través dos órganos de representación.
Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos
As persoas ou entidades colaboradoras non gozarán dos dereitos recollidos na letra d) do apartado anterior, así como carecerán do dereito a voto ao que se fai referencia na letra c) do citado apartado.
2. Non poderán exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo as persoas asociadas que non estean ao día no pagamento das cotas sociais.
Artigo 10. Obrigas
Son obrigas das persoas asociadas:
Cooperar na consecución dos fins da Asociación e na realización das actividades e servizos que esta organice.
Aceptar e cumprir o disposto nos presentes Estatutos, así como os acordos adoptados lexitimamente polos órganos de goberno da Asociación.
Desempeñar as obrigas inherentes aos cargos para as que foron elixidas.
Satisfacer as cotas e derramas establecidas pola Asemblea Xeral.
Asistir ás Asembleas e demais actos que se organicen.
As persoas ou entidades colaboradoras non terán as obrigas recollidas nas letras c) e d) do apartado anterior.
CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 11. Organización da asociación
Os órganos de goberno da Asociación son: colexiados e unipersonais, e rexeranse polo principio de representación democrática.
a) Son órganos colexiados: a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
b) Son órganos unipersonais: o/a Presidente/a, o/a Vicepresidente/a, o/a Secretario/a e os vogais, podendo establecerse, ademais, se a Xunta Directiva o considerase necesario, os cargos de Vicesecretario/a e Tesoureiro/a.
c) En todo caso, o exercicio dos cargos nos órganos da Asociación será a título gratuíto.
d) Para o mellor funcionamento da Asociación, a Xunta Directiva poderá nomear delegados-colaboradores con funcións determinadas durante un período de un curso; dichos delegados poderán asistir ás reunións da Directiva (con voz, pero sen voto) nas que se traten os temas ou actividades para os que se solicitou a súa colaboración; dito nomeamento deberá reflectirse nas actas da Directiva.
e) Do mesmo xeito, poderán asistir ás reunións da Directiva, a petición desta ou propia, os representantes dos pais/nais no Consello Escolar (con voz, pero sen voto).
Artigo 12. Asemblea xeral:
A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación e estará constituída pola totalidade dos asociados da mesma. Poderá reunirse de forma Ordinaria ou Extraordinaria.
A Asemblea Xeral Ordinaria reuniráse unha vez ao ano, no primeiro trimestre do curso escolar, coa finalidade de:
Examinar e aprobar o balance económico do exercicio anterior.
Examinar e aprobar o orzamento económico para o presente exercicio.
Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas, a proposta da xunta directiva.
Examinar e aprobar a memoria de actividades e o plan de acción presentado pola Xunta Directiva.
Ratificar aos membros da Xunta Directiva na forma que determinan os presentes Estatutos.
Ratificar ou non, a proposta da Xunta Directiva, a integración noutros organismos, asociacións ou federacións que persigan fins análogos.
Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.
Poderán asistir á Asemblea Xeral, con voz pero sen voto, representantes da titularidade, do profesorado e do alumnado, sempre que se considere conveniente pola Xunta Directiva.
A Asemblea Xeral Ordinaria deberá ser convocada por escrito con un mínimo de quince días de antelación, detallando o lugar, día e hora da mesma, así como a orde do día, e quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela un terzo dos asociados, e en segunda convocatoria, media hora máis tarde, co número de socios presentes; esta circunstancia deberá constar expresamente no aviso de convocatoria.
A efectos de votación, cada familia terá un único voto, independentemente do número de fillos/as que teña no Centro. Os acordos adoptaranse por maioría dos votos dos asociados presentes.
A Asemblea Xeral Extraordinaria reunirase sempre que o solicite a maioría absoluta da Xunta Directiva, ou o soliciten por escrito e con motivación un número non inferior ao 10 % dos asociados, ou cando o decida a propia Asemblea, seguindo o mesmo procedemento que a Ordinaria, salvo nos prazos de convocatoria, que serán dun mínimo de tres días (urxencia) e un máximo de quince.
Será de súa competencia exclusiva:
Modificar os estatutos da asociación, incluído o cambio de domicilio.
Acordar a trasformación ou fusión da Asociación.
Acordar a disolución da asociación e designar as persoas liquidadoras.
As que sendo competencia da asamblea xeral ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súas convocatoria.
Tódalas non conferidas expresamente á asamblea xeral ordinaria ou a xunta directiva.
Os acordos da Asemblea Extraordinaria adoptaranse por voto favorable das dúas terceiras partes dos socios presentes.
Artigo 13. Constitución e quórum de convocatoria
As asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que concorran un terzo das persoas asociadas presentes ou representadas, na primeira convocatoria ou, transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes con dereito a voto. En todo caso, terán que estar presentes as persoas que ostentan a presidencia e a secretaría ou persoas que as substitúan.
A asemblea Xeral poderase convocar, constituír, celebrar as súas sesións e adoptar acordos de forma presencial.
Artigo 14. Adopción de acordos
1. Os acordos da asemblea xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos nulos, en branco nin as abstencións.
2. Será necesaria a maioría absoluta dos votos emitidos, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas, para adoptar os seguintes acordos:
Designación de membros da xunta directiva
Acordo para constituír federacións e para integrarse ou separarse delas
Disolución da asociación.
Modificación dos estatutos, incluído o cambio de domicilio social.
Disposición ou alleamento de bens.
Remuneración das persoas que integran os órganos de representación.
3. Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.
Artigo 15. A xunta directiva: Composición
1. A xunta directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación de acordo coas disposicións e directivas da asemblea xeral.
Estará formada por: Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e Vogais, designados pola asemblea xeral entre as persoas asociadas maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursas en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos.
A decisión de cubrir vacantes que non supoñan a metade máis un dos seus membros (no caso de que así fose cesaría a Directiva), así como nomear coordinadores ou delegados para determinadas xestións ou actividades, é competencia da Xunta Directiva, que a adoptará por maioría.
2. A duración do seu mandato será de 3 anos, podendo ser obxecto de sucesivas reeleccións.
3. Os cargos que compoñen a xunta directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.
4. Os cargos da xunta directiva cesarán na súa función por:
a) Morte ou declaración de falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica
b) Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico
c) Resolución xudicial.
d) Renuncia voluntaria.
e) Perda da condición de persoa asociada.
f) Incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas.
g) Transcurso do período do seu mandato. Neste caso e en tanto non se proceda á elección da nova xunta directiva, aquela continuará en funcións ata a designación das novas persoas titulares.
5. De producirse vacantes na xunta directiva, estas serán desempeñadas provisoriamente polas restantes persoas integrantes, ata a elección definitiva pola asemblea xeral.
Artigo 16. Reunións e acordos
1. A xunta directiva será convocada pola presidencia, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
2. Para estar validamente constituída deberán estar presentes, a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, as persoas titulares da presidencia e a secretaría ou as persoas que as substitúan.
3. Para que os acordos da xunta directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos das asistentes. Os empates serán dirimidos mediante voto de calidade da Presidencia.
Poderán asistir ás reunións da xunta directiva, con voz pero sen voto, representantes da
titularidade, do profesorado e do alumnado, sempre que a Xunta Directiva o considere conveniente.
A xunta directiva poderase convocar, constituír, celebrar as súas sesións e adoptar acordos de forma presencial ou a distancia.
Nas sesións que se celebren a distancia, as persoas titulares da xunta directiva poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure por medios electrónicos, considerándose como tales os telefónicos e audiovisuais, a súa identidade, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre elas en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.
Nas reunión a distancia, os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.
Artigo 17. Facultades da xunta directiva
A xunta directiva terá as seguintes atribucións:
Programar e dirixir as actividades asociativas
Levar a xestión administrativa e económica da asociación.
Executar os acordos da asemblea.
Someter á aprobación da asemblea xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
Convocar e fixar as datas das asembleas.
Propoñerlle á asemblea xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á asemblea xeral.
Resolver as solicitudes de ingreso das persoas asociadas.
Propoñer o plan de actividades da asociación á asemblea xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
Artigo 18. Obrigas documentais
A asociación disporá dos seguintes documentos, que estarán a disposición de todas as persoas asociadas:
Unha relación actualizada de persoas asociadas.
Documentación contable que permitan obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa específica que resulte de aplicación.
Inventario dos seus bens.
Libro de actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación.
Artigo 19. Presidente/a
A persoa titular da presidencia terá as seguintes atribucións:
Representar legalmente á asociación perante calquera organismo público ou privado.
Convocar e presidir as sesións que celebre a xunta directiva e a asemblea xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade os casos de empate de votos.
Ordenar a execución dos acordos adoptados pola xunta directiva e a asemblea xeral.
Ordenar os pagamentos acordados validamente.
Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto coa persoa que ostenta a secretaría ou membro da xunta directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
Recibir, en nome da asociación, calquera subvención ou doazón de entidades públicas ou privadas.
Adoptar calquera medida urxente para o bo funcionamento da asociación, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.
Asumirase calquera das facultades establecidas por lei que non sexan aquí nomeadas.
Artigo 20. Vicepresidente/a
A persoa titular da vicepresidencia realizará as funcións da presidencia nos casos de ausencia ou enfermidade, podendo tamén actuar en representación da asociación nos supostos en que así se acorde pola xunta directiva ou pola asemblea xeral.
Artigo 21. Secretario/a
1. A persoa titular da secretaría terá as seguintes atribucións:
Tramitar as solicitudes de ingreso na asociación e formalizar as inscricións de altas e baixas das persoas asociadas.
Dirixir as actividades sociais e a administración da asociación.
Formalizar as convocatorias de reunión por orde da presidencia e redactar as actas correspondentes
Expedir certificacións dos acordos co visto e prace da presidencia, así como emitir informes.
Redactar o inventario de bens da asociación.
Custodia do arquivo de libros e documentos da asociación.
Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente corresponda.
2. A persoa titular da secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da xunta directiva designado pola Presidencia.
Artigo 22. Tesoureiro/a
1. A persoa titular da tesourería terá as seguintes atribucións:
Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación, custodialos e investilos na forma acordada pola xunta directiva e a asemblea xeral.
Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagos co visto e conforme da presidencia.
Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida a presidencia.
Elaboración do anteproxecto de orzamentos para a súa aprobación.
Levar os libros de contabilidade da asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola asemblea.
Calquera outras funcións propias de tesourería como a responsabilidade da xestión económico financeira da asociación.
Artigo 23 Vogais
Terán as obrigas propias do seu cargo, e aqueloutras que lles sexan encomendadas, tales como realizar programas e estudos con carácter xeral ou en áreas de actuación determinadas.
CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 24. Patrimonio inicial
A Asociación fórmase sen capital inicial. O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural, e terá lugar o día 31 de decembro de cada ano.
Artigo 25. Recursos económicos
A asociación manterase dos seguintes recursos:
As cotas periódicas das persoas asociadas.
As cotas extraordinarias que propoña a xunta directiva e sexan aprobadas pola asemblea xeral.
As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 26. Contas anuais
1. Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico, elaboraranse as contas anuais, expresivas da situación patrimonial e contable da asociación, así como unha memoria das actividades realizadas. Esta documentación estará a disposición das persoas asociadas, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a súa aprobación en asemblea.
2. A Xunta directiva levará os correspondentes libros de contabilidade, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da asociación.
Artigo 27. Destino de ingresos a fins da asociación
Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos fins da asociación. En ningún caso, estes beneficios poderán ser repartidos entre as persoas asociadas ou calquera outra persoa física ou xurídica con interese lucrativo.
CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 28. Regulamento de réxime interno
Por acordo da asemblea xeral pode aprobarse un regulamento de réxime interno, que desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos.
O funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO VI
DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 29. Disolución
A asociación disolverase polas seguintes causas:
Por acordo adoptado por maioría cualificada en asemblea xeral extraordinaria.
Polas causas que se determinan no art. 39 do Código Civil.
Por sentenza xudicial firme.
Polas demais causas que se determinen nos presentes estatutos.
Artigo 30. Liquidación
1. Acordada a disolución da asociación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.
2. As persoas membros da xunta directiva no momento da disolución convértense en liquidadoras, salvo designación expresa de liquidadoras pola asemblea xeral ou por autoridade competente.
3. Corresponde as persoas liquidadoras:
Velar pola integridade do patrimonio da asociación.
Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
Cobrar os créditos da Asociación.
Liquidar o patrimonio e pagar as persoas acredoras.
Destinar o haber resultante da liquidación aos fins previstos no acordo de disolución ou nos estatutos, que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa.
Solicitar a baixa da asociación e cancelación de asentos rexistrais.
4. Á solicitude de inscrición da disolución da asociación no rexistro acompañarase do xustificante acreditativo do destino dos bens resultantes da liquidación.
En Oleiros, a 28 de Xaneiro de 2026